iso-9001

Quen somos

Asociación Galega de Familias de Acollida

A Asociación Galega de Familias de Acollida, ACOUGO, nace das necesidades dun grupo de familias que queremos involucrarnos en maior medida na defensa dos dereitos das persoas menores de idade que están no sistema de protección público. Por isto acordamos asociarnos e así establecer un marco organizado e formal para colaborar e apoiar a Administración e a outras entidades integrantes no sistema formal que traballa en prol dos menores. Todas e cada unha das partes integrantes neste sistema son necesarias para velar polos dereitos e intereses das persoas en xeral, e das máis vulnerables, en particular (incluíndo as familias de orixe).

No Documento de Trabajo “CRITERIOS DE COBERTURA, CALIDAD Y ACCESIBILIDAD EN ACOGIMIENTO FAMILIAR (D.A. 3ª LEY 26/2015) Aprobado en la reunión de comisión delegada de Servicios Sociales celebrado el 2 de octubre de 2019, elaborado pola Dirección General de Servicios para las Familias y la Infancia, de la Secretaría de Estado de Servicios Sociales, del Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social”, na que Galicia participou, recóllense unha serie de Dereitos e Deberes das Familias Acolledoras. Así mesmo, inclúe varias medidas, entre as que se atopan o fomento do Acolllemento Familiar e o fomento do Asociacionismo das persoas e Familias Acolledoras. Facendo unha recensión directa recollida na lei :

(…) 2. Elementos esenciales de los procedimientos de acogimiento familiar: valoración de aptitud educadora de las familias; compensación económica, para el acogimiento especializado como para el ordinario, con especial atención a las necesidades derivadas del acogimiento de menores con discapacidad; medidas de fomento y apoyo al acogimiento familiar; campañas informativas; fomento del asociacionismo de las personas y familias acogedoras.

Neste marco, consideramos necesario que as familias acolledoras teñan unha representación formal específica debido á súa particular idiosincrasia e para poder participar de xeito activo e organizado, sobre todo, por non existir a día de hoxe unha Asociación en toda a nosa comunidade que se ocupe de representar as Familias Acolledoras en exclusividade.

Segundo datos estatísticos do Ministerio de Sanidad, Consumo y Bienestar Social, durante o ano 2018, en Galicia, a porcentaxe de menores en acollemento familiar respecto ao total dos menores en sistemas de protección era do 50%.

Unha das nosas prioridades é difundir o acollemento familiar como o mellor recurso para a protección á infancia e adolescencia en situación de desamparo ou risco, comprometéndonos así co programa de sensibilización social e captación de posibles persoas e familias acolledoras.

Cremos firmemente, dende a nosa experiencia e coñecementos, que traballando co “interese superior da infancia” como lema, e acompañando dende a proximidade as novas familias acolledoras, poderemos crear un ambiente de confort e seguridade que favoreza que se estime o acollemento familiar como alternativa.

Poñer en valor o traballo das familias acolledoras, apoialas e coidalas, é garantía de continuación e éxito para que os menores en desprotección crezan coa maior estabilidade física e emocional. Permite darlles a posibilidade dun modelo de familia estruturada e normalizada, con figuras seguras de referencia, nun ambiente de afecto e sostén.

Dar aos menores a oportunidade de crecer en ambientes normalizados pero sen romper, na medida en que se poida, o contacto coa súa familia biolóxica é fundamental para o seu desenvolvemento e para a construción dunha futura vida emocional saudable.

Neste senso, unha preocupación común é o traballo que se vén efectuando coas familias de orixe, e as posibilidades reais de retorno ou de cumprimento de visitas que, en moitas ocasións, non van todo o ben que se desexa. A nosa proposta neste ámbito é de apoio e colaboración, para que na medida do posible, estas familias de orixe, tamén se poidan ver representadas.

Quixéramos facer referencia a outra cuestión que para nós é de especial importancia. A alta taxa de institucionalización de crianzas e adolescentes, que por primeira vez na historia de este país, é superior á porcentaxe de crianzas e adolescentes que medran e chegan a idade adulta nun ambiente familiar ao que, por outra banda, teñen todo o dereito.

O traballo neste eido, é un dos que máis nos impulsan a comezar esta aventura. Vivámola xunt@s!

SANTIAGO DE COMPOSTELA, DECEMBRO 2019

Ir al contenido