iso-9001

Qué é o acollemento familiar?

A asociación galega de familias de acollida
lanza unha campaña para explicar
que é o acollemento familiar

Primeiro video

Ver

Segundo video

Ver

Terceiro video

Ver

Cuarto video

Ver

Quinto video

Ver

Dende Acougo recordan que en Galicia hai máis de 1000 menores acollidos en centros residenciais e que máis de 200 deles teñen menos de 10 anos e aseguran que “é urxente e necesario alixeirar as cifras de acollemento residencial que se están dando na nosa comunidade”

Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022.- A asociación galega de familias de acollida, Acougo, lanza unha campaña nas redes sociais para explicar que é o acollemento familiar, un recurso de protección temporal e revocable para as crianzas en desamparo que consiste en confiar o seu coidado a unha persoa ou familia que reúna as condicións necesarias para proporcionarlle unha vida familiar.

Dende Acougo recordan que en Galicia hai máis de 1000 menores acollidos en centros residenciais e que máis de 200 deles teñen menos de 10 anos. “É urxente e necesario”, asegura Carmen Dourado, coordinadora da entidade, “favorecer o acollemento familiar e alixeirar as cifras de acollemento residencial que se están dando na nosa comunidade”. E, para conseguilo, difundirán ao longo dos próximos meses, man a man coa Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso), unha serie de vídeos con testemuñas que explican que é o acollemento familiar, poñendo as crianzas no centro. A primeira peza audiovisual estréase o martes próximo, día 25, ás 10h nas web e nas redes sociais das dúas entidades.

Elisa, Rebeca, Juan, Natalia, Victoria, Begoña e Kike forman parte de cinco familias de acollida, cada unha delas coas súas particularidades. Nais que acollen soas, con ou sen fillos biolóxicos previos, parellas que acollen unha ou varias crianzas, en función das necesidades das crianzas e das posibilidades das familias que as reciben. Familias acolledoras que tecen lazos coas familias biolóxicas, máis ou menos fortes, en cada momento.

A partir das súas experiencias, Agareso elaborou unha serie de materiais multimedia para explicarlle á sociedade que o acollemento familiar é intimidade sobre a que construír amores futuros; é estabilidade psicolóxica, afectiva e social; é versatilidade, creatividade á hora de imaxinar familias diversas que se adaptan a crianzas diversas; é vínculo coas orixes, ao servizo da estabilidade emocional das crianzas; e é protección urxente, temporal ou permanente, segundo as necesidades das crianzas.

“O acollemento implica plena participación nunha familia”, recorda Carmen Dourado dende Acougo, “é intimidade, acompañamento e cariño; coidados, alimentación e vestido; estabilidade, seguridade e educación; formación integral; cubrir as necesidades físicas, sicolóxicas, afectivas e sociais do/a menor; e apoiar e fomentar a relación coa familia biolóxica”.

Segundo a relación previa do/a menor coa familia, o acollemento pode ser de feito, en familia extensa ou en familia allea, cando non existe parentesco previo. A convivencia pode ser plena, de fins de semana e vacacións ou de día. E, segundo a temporalidade, o acollemento pode ser de urxencia, temporal ou permanente. Cada familia elixe a tipoloxía que mellor se adapte ás súas posibilidades e as institucións encárganse de achegar as crianzas ás familias que mellor respondan ás súas necesidades. “A clave está sempre en situar as necesidades da ou do menor no centro”, insiste a coordinadora de Acougo, “e escoller a fórmula que mellor se lle adapte”. “No acollemento, é a familia a que se adapta ao menor e non ao revés”, remata. En todo caso, ao contrario que no caso das adopcións, no acollemento familiar prima o dereito da infancia e da adolescencia a ter contacto e a manter os vinculos afectivos coa súa familia biolóxica, xa que se trata dunha medida de apoio e non unha substitución da súa familia.

Que fai falta para ser familia acolledora? Elisa, Rebeca, Juan, Natalia, Victoria, Begoña e Quique explican nos vídeos que se estrean hoxe na web e nas redes sociais de Acougo de Agareso que o máis importante é “querer, ter vontade de acoller e compromiso coa infancia”, en palabras de Natalia. Despois, como en todas as etapas deste proceso, é preciso poñer no centro sempre o interese superior do menor e, polo tanto, ter unha certa capacidade de adaptación, capacidade de colaboración  e estabilidade emocional. “Como cando tes fillos biolóxicos”, apunta Rebeca. “Se queres, podes”, conclúe Elisa, “só hai que tomar a decisión e facelo”.

O SISTEMA DE PROTECCIÓN EN CIFRAS

Todas as nenas e nenos deben estar debidamente protexidos e asistidos e, cando os seus pais non poden ofrecerlles ese coidado, as institucións deben facerse cargo. Non se trata só de abandono ou de malos tratos, senón de neglixencias graves no relativo á alimentación, á hixiene ou á saúde ou de condutas aditivas ou transtornos graves que lles impidan ás persoas responsables o coidado das súas crianzas. Cando unha crianza se atopa en situación de desamparo en Galicia, a Xunta asume a súa titela e coidado. E, cando os pais, nais ou titores, non poidan coidar das súas crianzas, poden solicitar que a Xunta asuma a súa garda durante o tempo preciso para reconducir a situación. Esa mesma solicitude pode facela un xuíz. En todo caso, cando a Xunta asume o coidado -a garda- dun ou dunha menor, ten dúas maneiras de exercelo: mediante o acollemento familiar e mediante o acollemento residencial, nun centro.

Algúns dos principios que rixen o sistema do acollemento son: dar prioridade ao acollemento familiar sobre o residencial; evitar, na medida do posible, a separación de irmáns; favorecer a permanencia da crianza no seu propio ambiente, procurando que o acollemento se produza na familia extensa; apoiar e fomentar as relacións coa familia biolóxica, para posibilitar a súa reintegración; e manter a medida polo tempo estritamente necesario.

En Galicia, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Política Social nas súas Estatística de protección de menores, o ano 2020 había 1921 menores en situación de titela e 650 en situación de garda. Destes 2571 menores, 1359 foron acollidos/as por familias (1082 en extensa, dentro da súa propia familia biolóxica, e 276 en allea, por unha familia coa que non tiñan parentesco previo) e 1213 foron acollidos en centros (218 de xestión pública e 995, de xestión privada).

A Consellería non desagrega estes datos por grupos de idade, polo que para coñecer as idades destas crianzas hai que recorrer ás estatísticas ofrecidas polo INE no seu Boletín de datos estadísticos de medidas de protección a la infancia, que non coinciden exactamente cos da Xunta. Así, o INE cifra en 890 as crianzas acollidas en centros en Galicia o 2020, das que 39 teñen menos de 3 anos, 66 teñen entre 4 e 6 anos, 167 teñen entre 7 e 10 anos, 271 teñen entre 11 e 14 e 347 teñen entre 14 e 17. O INE cifra en 1083 as crianzas en acollemento familiar en Galicia ese mesmo ano, 893 dentro da súa propia familia biolóxica (en extensa) e 190, en familia allea. Deles, 127 teñen menos de 3 anos, 101 teñen entre 4 e 6 anos, 218 teñen entre 7 e 10 anos, 343 teñen entre 11 e 14 e 294 teñen entre 14 e 17.

É urxente e necesario, á luz das cifras ofrecidas polas propias institucións, favorecer o acollemento familiar e alixeirar as cifras de acollemento residencial que se están dando na nosa comunidade.

Links de interese: Primeiro vídeo | Primeiro cartaz | A campaña na web, Facebook e Instagram de Acougo | A campaña na web, Facebook, Twitter e Instagram de Agareso

CONTACTO DE PRENSA. Sonia Díaz: 679965692| organizacion@agareso.com

Este sitio web usa cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies
Ir al contenido