Plan Simultáneo
de Dobre Propósito
O programa de planificación simultánea de dobre propósito é unha modalidade de protección innovadora dirixida a nenos e nenas menores de 6 anos, que busca garantir a súa estabilidade nun entorno de coidado familiar desde as primeiras etapas da vida.
O seu obxectivo é evitar a institucionalización, as separacións e os cambios innecesarios, que poden ter un forte impacto negativo no seu desenvolvemento.

A súa característica distintiva é que traballa de maneira simultánea en dous procesos:
- A recuperación da familia de orixe, para facer posible a reunificación.
- A estabilización nun entorno de coidado familiar alternativo, no caso de que a reunificación non sexa viable.
A idea central é que os nenos e nenas non teñan que cambiar de familia, senón que sexa a medida xurídica a que se adapte á súa realidade.

Este programa ten como finalidade protexer ao máximo o desenvolvemento socioemocional dos nenos e nenas máis pequenos, especialmente vulnerables pola súa idade.
Busca evitar as rupturas de vínculos afectivos, que poden condicionar negativamente o seu futuro, e reducir o impacto da adversidade temperá.
- Promóvese a creación de vínculos seguros e estables
- Garántese un entorno de coidado continuo
- Protéxese o benestar integral dos nenos e nenas
O programa contempla un período máximo de ata 2 anos de traballo, orientado a lograr a estabilización definitiva do neno ou nena nun entorno familiar.
Buscamos familias que estean pensando en acoller, con disposición flexible para coidar dun neno ou nena de forma temporal, mentres se traballa coa familia de orixe ou de forma permanente, se a reunificación non é posible.

A estabilización poderá formalizarse a través de distintas medidas, sempre poñendo no centro o benestar do neno ou nena:
- Acollemento permanente
- Adopción aberta
- Outras fórmulas xurídicas que garantan a continuidade da convivencia
O proceso contará cun apoio intensivo e especializado, ofrecido por un equipo profesional interdisciplinar, que acompañará a todas as persoas implicadas en cada etapa.
Este proxecto, impulsado e financiado pola Unión Europea e coordinado por ASEAF, desenvolverase inicialmente como experiencia piloto en varios territorios, incluíndo Galicia, co obxectivo de avaliar o seu impacto e facilitar a súa extensión futura.


