A Xunta de Galicia defende o uso da mediación nos procesos de acollemento familiar como ferramenta clave para protexer os dereitos da infancia. Así o manifestaron o director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e o director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, durante a xornada Mediando na protección da infancia, celebrada en Santiago de Compostela e organizada por Acougo e Cimega co apoio da Xunta.
Tronchoni destacou que a mediación é un método alternativo de resolución de conflitos que resulta flexible, rápido e económico, evitando tensións innecesarias. Subliñou que, fronte á rixidez dos procedementos xudiciais tradicionais, a mediación permite xestionar de xeito máis eficaz as discrepancias que poidan xurdir en relación coa custodia dos NNA en situación de acollemento.
Pola súa banda, Jacobo Rey lembrou que os conflitos familiares entre proxenitores poden supoñer un risco de desprotección para a infancia. Por iso, a Xunta aposta desde hai anos pola mediación familiar como ferramenta para afrontar estes conflitos e reducir o seu impacto en nenos e adolescentes. Neste sentido, destacou a existencia de recursos públicos e gratuítos como os Puntos de Encontro Familiar ou os Gabinetes de Orientación Familiar, onde se traballa coa mediación para garantir o benestar dos NNA.
Ambos os directores salientaron a importancia da colaboración entre institucións para fomentar a cultura do acollemento familiar na sociedade galega e promover métodos legais que favorezan o interese superior dos NNA