Esta padronesa, veciña de Santiago, leva máis dunha ducia de experiencias ás súas costas e ve necesario que sociedade e Administracións fagan un esforzo moito maior.
A primeira vez que a súa familia se estreou na acollida de menores, viviron na súa casa dous xemelgos de 4 anos durante case un ano. Ofreceron un teito e un fogar seguro a máis dunha ducia de casos desde entón, pero eses irmáns, que actualmente son xa uns adolescentes, aínda pasaron este verán un mes con Carmen Dourado e os seus. Esta padronesa, fincada no Castiñeiriño (Santiago) foi unha das fundadoras no 2020 da Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo), ocupou o cargo de presidenta e hoxe é directora técnica. Ela defende que o descoñecemento social que existe sobre o sistema de protección de menores fai que moitas familias non cheguen a acoller a nenos ou mozos que por algún motivo non poden vivir cos seus pais ou parentes próximos e, en xeral, existen moitas dúbidas en canto á temporalidade: «Hai acollidas de urxencia e outras temporais, entendendo que a protección da infancia é ata os 18 anos, cando es considerado maior de idade. Pero, cando falamos dunha familia, dun vínculo ou apego, os prazos non existen».