A Xunta de Galicia iniciou a tramitación do anteproxecto da primeira Lei galega de Infancia e Adolescencia, unha norma pioneira que pretende reforzar a atención e a protección dos NNA, situando por primeira vez á infancia e adolescencia no centro das políticas públicas da comunidade.
Un dos aspectos máis innovadores desta futura lei é que as familias que actualmente acollen a nenos, nenas e adolescentes en desamparo terán preferencia para adoptalos, sempre que o desexen e cumpran os requisitos técnicos necesarios. Esta medida responde a unha demanda histórica das familias acolledoras, xa que ata agora o acollemento e a adopción eran procesos independentes que impedían este tránsito directo, obrigando a moitos NNA a romper os vínculos afectivos que xa foran construíndo.
A normativa tamén prevé a creación dun rexistro autonómico de familias acolledoras e adoptivas, así como mecanismos para mellorar a coordinación entre administracións na protección da infancia.
No proceso de elaboración da lei abrirase unha consulta pública previa, para que entidades sociais, familias e profesionais poidan achegar as súas propostas antes da redacción definitiva.
