Artículo de Montse García.
«Supón darlle unha oportunidade aos nenos, que teñan referente afectivo»
Carmen Dourado, ademais de ser nai acolledora, é unha das impulsoras e responsable técnica de Acougo, a Asociación Galega de Familias de Acollida, que agora mesmo conta con preto dunha trintena de membros. Un dos obxectivos que se marcan é dar a coñecer os programas de acollida. «Supón darlle unha oportunidade aos nenos, que teñan un referente afectivo», asegura. Os últimos datos oficiais, lembra, recollen que en España hai 23.000 menores que residen en centros cando «a contorna do ser humano, sobre todo dos máis pequenos, é a familia». Dourado quere deixar claro que ao referirse a familia non debe circunscribirse á tradicional, senón que a referencia «é unha persoa adulta, alguén que estea ao teu lado tirando por ti e enchéndoche a mochila de ferramentas para axudarche nun futuro». Nese sentido, lembrou que calquera persoa a nivel individual pode acoller.
Desde Acougo tamén queren traballar para facilitar máis os trámites burocráticos e administrativos. Unha das trabas máis frecuentes que se atopan é á hora de empadroar a estes menores ou ao ir ao médico. Reclamarán, ademais, permisos para as familias acolledoras nese período inicial da chegada dos pequenos a casa, para facilitar a integración e tamén a realización das diferentes xestións.
Contacto coas súas raíces
Por outra banda, Carmen Dourado lembra que no programa de acollida é fundamental que os pequenos «coñezan as súas raíces, que crezan coñecendo a súa historia… Temos que falarlle ben dos seus pais». Nese sentido, destaca o traballo coa familia biolóxica e de afianzar o contacto con ela. «No noso caso, falan con frecuencia cos seus irmáns e os seus pais. É moi importante para eles», incide.
Implicación de todos
Os primeiros en chegar en acollida ao fogar de Miguel e Carmen foron dous xemelgos. Tiñan catro anos e marcháronse con cinco: «Levabámonos fenomenal coa súa nai… Os nosos fillos afrontárono como uns amigos en casa», explica Carmen. Despois coidaron a unha recentemente nada, que sabían que tería que irse pronto: «Era unha irmá máis, unha filla máis… Xérase un vínculo de amor moi forte». E agora a súa casa é o novo fogar de dous irmáns de tres e dous anos —ela chegou recentemente nada—. «Non poderiamos expornos agora deixar de ser familia acolledora, é algo que che engancha. É como unha montaña rusa de sensacións e emocións. Faiche reformularche a túa vida todo o tempo». O seu marido corrobórao. «Os pequenos dannos a vida; apórtannos moitísimo máis do que nós lles damos a eles», afirma Miguel, quen relata a implicación dos seus fillos. «Están moi contentos e implicados desde o primeiro ao último. Nunha visita de técnicos de Cruz Roja —xestionan o programa—, unha das fillas díxolle: ‘Por qué non seguimos acollendo? Téñennos que traer máis pequenos’», relata. A integración é total e sen que os nenos perdan o contacto coa súa familia biolóxica.