As familias de acollida en Galicia recibirán 75 euros máis ao mes a partir de maio

A contía das axudas para os que estean con mozos de entre 3 e 18 anos acadará os 425 euros; as destinadas a quen acolle a nenos de entre un e tres anos subirán 25, para chegar tamén aos 425.

As axudas que perciben en Galicia as familias de acollida subirán a partir de maio. Anunciouno este luns o presidente da Xunta, Alfonso Rueda na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta. Rueda explicou que o Executivo autonómico vai incrementar «a partir do vindeiro 1 de maio» as axudas que «perciben mensualmente as familias de acollida» da comunidade galega.

Na súa intervención, o presidente lembrou que «Galicia xa é a segunda comunidade con mellores rateos de acollemento familiar». Máis do 60% dos menores incluídos no sistema de protección, segundo explica a Xunta nun comunicado, viven con familias de xeito temporal, fronte ao 40% que residen en recursos residenciais. No entanto, Rueda instou a seguir traballando para incrementar o número de familias dispostas a acoller a estes mozos.

Con esta subida, o presidente explicou que aquelas familias que acollan nenos de entre 3 a 18 anos «verán incrementadas as axudas en 75 euros mensuais, polo que a aportación será de 425 euros». Con este incremento, desde o 2022, estas familias viron incrementado o apoio económico da Xunta nun 52%. No caso das familias con nenos de entre un e tres anos, a subida «será de 25 euros ao mes, polo que tamén percibirán 425 euros ao mes».

Para rematar, «mantense en 600 euros a aportación destinada a unidades acolledoras de bebés menores dun ano». Segundo explican en nota de prensa, esta medida enmárcase no obxectivo da Xunta de seguir potenciando o acollemento en familias para garantir que «os nenos e nenas medren nun fogar». Ademais, lembran que, nos últimos anos, o Goberno galego impulsou medidas como a ampliación da dedución fiscal, a redución de prezos en actividades como campamentos ou a consideración dos nenos en acollida á hora de obter o título de familia numerosa.

Reunión coas familias

Coincidindo co anuncio do aumento das axudas que reciben, o presidente da Xunta reuniuse este luns con Carmen Dourado, directora da Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo+). Ao encontro acudiu tamén a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García. 

Ligazón 

Ir al contenido