MAR 072026 |
Sáb 10:30h ONLINE |

Dende ACOUGO queremos convidarte a unha webinar informativa sobre o acollemento familiar en Galicia, un espazo pensado para achegar á cidadanía a realidade do acollemento e resolver dúbidas sobre como funciona este recurso de protección para nenos, nenas e adolescentes.
Durante a sesión falaremos sobre que é o acollemento familiar, que tipos existen e como poden implicarse as familias que senten que poden ofrecer coidado, estabilidade e acompañamento a un neno ou nena que o necesita. Será tamén un momento para coñecer de primeira man como é o proceso e poder formular preguntas.
Ademais, nesta webinar presentaremos un proxecto piloto:
O acollemento a través do plan simultáneo e de dobre propósito está dirixido a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e os 6 anos, co obxectivo de protexer ao máximo o seu desenvolvemento emocional e estabilizar a súa convivencia nun contorno familiar, minimizando cambios.
Para iso iníciase un plan de traballo simultáneo no que se procura a recuperación da familia de orixe, ao mesmo tempo que se traballa coa familia acolledora, de maneira que, se a reunificación non é posible, o neno ou nena poida permanecer de forma definitiva nese contorno.
Para iso búscanse familias acolledoras cunha disposición flexible, é dicir, con dispoñibilidade para converterse nunha opción permanente e definitiva se a reunificación non é viable.
Trátase dun proxecto piloto de nova creación para a desinstitucionalización, que se pon en marcha en varias comunidades, e as familias non poden estar activas en ningún outro proceso de acollemento.
