Busca familias para os 1.600 nenos que están medrando sen un fogar
Integrantes de Acougo, a Asociación Galega de Familias de Acollida, están levando a cabo unha intensa campaña de divulgación e captación de socios polos concellos de Galicia. Mediante charlas, buscan informar sobre o seu principal obxectivo, que non é outro que garantir o dereito fundamental dos nenos a medrar no seo dun fogar. A través da firma de convenios cos concellos, pretende que se lle facilite o camiño a aqueles que decidan sumar un membro temporal á familia. Para animar a uns e a outros, Carmen Dourado, a coordinadora da entidade, empeza por lembrar a súa propia experiencia.
—No 2011, cando levaba varios anos exercendo como traballadora social, atendín un caso dunha rapaza que me fixo entrar en contacto, a nivel profesional, co acollemento. Afectoume tanto que o comentei na casa e empezamos o proceso para ser familia de acollida. Xa imos polo oitavo neno.
—Agora están levando a cabo unha intensa campaña de divulgación, a que é debido?
—Estamos en cifras históricas de menores que precisan acollida, hai uns 1.600 en Galicia.
—Cales son os menores susceptibles de entrar a formar parte no programa de acollida?
—Pois, o cen por cento dos nenos que están no sistema de protección son acollibles, porque medrar en familia é un dereito fundamental, así está reflectido nas leis autonómica e estatal. O problema é que non se está velando por este dereito e os nenos permanecen nos centros ata os 18 anos. Despois, é doado imaxinar a que se lles ven enriba.
—Pero, que tipo de nenos entran nese sistema de protección?
—É importante ter claro iso. Os nenos susceptibles de seren acollidos son os que non poden ser atendidos polas súas familias temporalmente; non son os que teñen medidas xudiciais, porque eses están en centros especializados. O estigma que hai sobre estes rapaces ten que desaparecer, porque eles non fixeron nada malo, ao contrario, normalmente son vítimas.