En Radio Voz, no espazo “Un café con Eva”, Carmen Dourado e Patricia Quintana poñen voz á acollida familiar, á sensibilización e ao apoio ao comercio local liderado por mulleres

Esta semana, no programa “Un café con Eva” de Radio Voz, Carmen Dourado e Patricia Quintana afondaron na campaña “Busca de parrulos”, unha iniciativa simbólica e participativa enmarcada na campaña de sensibilización polo Día Mundial do Acollemento. A proposta conta co apoio de “12 comercios, 12 sensibilidades”, unha acción que vincula a solidariedade co comercio local liderado por mulleres e que conta coa colaboración do Concello de Santiago.

Ao longo da entrevista, tamén se abordaron dúas iniciativas destacadas no ámbito do acollemento familiar. Por unha banda, o Encontro Estatal de Familias de Acollida celebrado recentemente en Cartagena (Murcia), organizado pola Asociación de Familias de Acollida de Murcia e por ASEAF (Asociación Estatal de Acogimiento Familiar), da que Acougo forma parte da directiva. Este encontro supuxo un espazo de encontro, reflexión e aprendizaxe para familias acolledoras de todo o Estado.

Por outra banda, falouse tamén do Fin de Semana de Respiro organizado por Acougo en Panxón, unha iniciativa pensada para ofrecer descanso, coidado e acompañamento ás familias socias que acollen, recoñecendo o seu labor e brindándolles un tempo de desconexión e benestar.

Un espazo radiofónico que deu voz ao compromiso, á rede e á humanidade que sosteñen o acollemento familiar en Galicia e en todo o Estado.

Ir al contenido