En “Un café con Eva”, Radio Voz pon o foco no éxito da campaña de Acougo polo Día Mundial do Acollemento Familiar

No programa “Un café con Eva” de Radio Voz, destacouse esta semana o gran impacto e acollida das actividades promovidas por Acougo con motivo do Día Mundial do Acollemento Familiar, que conseguiron mobilizar á cidadanía e contar cunha importante presenza institucional e política.

A acción “Busca de parrulos”, que puxo o punto final á campaña local en Santiago, foi un auténtico éxito de participación. Numerosas familias e persoas achegáronse aos comercios participantes para unirse a esta proposta lúdica e simbólica, que visibilizou o valor da acollida. Ao evento sumáronse diferentes representantes políticos do ámbito local, amosando o seu apoio a esta causa tan necesaria para a infancia e adolescencia galega.

Por outra banda, a mostra itinerante “Portas que abren historias”, organizada por ASEAF (Asociación Estatal de Acogimiento Familiar), coa que Acougo colabora activamente, contou coa presenza institucional da Conselleira de Política Social, Fabiola García; o Director Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey; e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín. A súa asistencia puxo en valor esta exposición que está a percorrer España e que pretende dar voz ás historias reais de acollemento familiar, abrindo portas á empatía e á transformación social.

O impacto das accións tivo tamén unha importante repercusión dixital: as redes sociais de Acougo experimentaron un notable crecemento, reflectindo o interese crecente da sociedade galega por coñecer, implicarse e apoiar o acollemento familiar.

Un impulso ilusionante que reafirma a importancia de seguir tecendo comunidade arredor do acollemento.

Ir al contenido