O acollemento familiar centra a campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades” deste mes de maio en Santiago
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, presentou esta mañá a programación do mes de maio da campaña “12 Comercios, 12 Sensibilidades”, que nesta ocasión estará dedicada a visibilizar a realidade do acollemento familiar. Fíxoo acompañada por Vanessa Alvite, coordinadora da iniciativa; Cristina Gerpe, de La Tienda de María; e Carmen Dourado, directora da entidade ACOUGO, protagonista da campaña deste mes.
Rozas destacou que La Tienda de María e ACOUGO xa colaboraran o ano pasado nesta mesma campaña, permitindo achegar á cidadanía a realidade das nenas e nenos máis vulnerables e a “enorme labor solidaria das familias acolledoras”. Subliñou, ademais, a importancia de reforzar a visibilidade dunha entidade “que defende o dereito dos menores tutelados a medrar nun fogar familiar e non en centros institucionais”.

