En “Un café con Eva”, Radio Voz destaca o recoñecemento internacional a Acougo no ámbito da protección á infancia e convida de novo á mostra “Portas que abren historias”
No espazo “Un café con Eva” de Radio Voz, Carmen Dourado, en representación de Acougo, compartiu unha nova que enche de orgullo á comunidade de acollemento familiar galega: o proxecto de investigación presentado pola entidade foi aceptado para exposición oral no Congreso Internacional EUSARF (European Scientific Association on Residential and Family Care for Children and Adolescents), que se celebrará no mes de setembro en Suíza.
O EUSARF é unha das citas científicas máis relevantes a nivel europeo no ámbito da protección á infancia, centrado na intervención social, o acollemento residencial e familiar, e a investigación sobre o benestar infantil e adolescente.
A confirmación da aceptación chegou da man das investigadoras Lorena Maneiro e Olalla Cutrín, do equipo Underisk e da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que colaboran con Acougo no desenvolvemento dun estudo pioneiro sobre o papel da muller no acollemento familiar en Galicia.
Durante o programa, Carmen Dourado aproveitou tamén para convidar novamente á cidadanía a visitar a exposición itinerante “Portas que abren historias”, unha campaña impulsada por ASEAF (Asociación Estatal de Acogimiento Familiar), da que Acougo forma parte da directiva. A mostra, que continúa a súa ruta por distintas cidades do territorio español, achega á sociedade testemuños reais de acollemento familiar, abrindo a porta á empatía e á conciencia social.
Un paso máis no compromiso de Acougo coa investigación, a sensibilización e a defensa dos dereitos da infancia.