A protección á infancia e á adolescencia conxuga de forma indisociable aspectos técnicos e xurídicos. Neste ámbito dos servizos sociais, que afecta un aspecto tan íntimo das vidas das persoas como é a configuración da familia durante as etapas máis temperás do desenvolvemento, resulta imprescindible combinar o máximo respecto aos dereitos e deberes que a lexislación impón con atender con sensibilidade e de forma personalizada cada caso.

Tolstoi indicou na primeira frase de Ana Karenina que todas as familias se parecen unhas a outras, pero que cada familia infeliz o é á súa maneira. O humanista ruso reflectiu a riqueza dos casos que chegan aos servizos sociais e, en consecuencia, a dificultade de crear categorías normativas que os abarquen na totalidade.

Non obstante, é preciso partir da base firme da lexislación vixente en cada momento para atender da forma máis segura o interese superior de nenos, nenas e adolescentes. Con este obxectivo edítase esta Guía xurídica para a protección á infancia e á adolescencia, en tanto que apoio para os equipos técnicos do sistema, dependan estes dos servizos sociais especializados, dos servizos sociais comunitarios ou das entidades do terceiro sector que forman parte do sistema de protección.

Precisamente, esta guía configúrase como un resultado máis da frutífera colaboración entre a Administración e as entidades que colaboran no sistema. O texto toma como base a guía do mesmo nome editada polo Colectivo Galego do Menor en 2002. O seu autor, no marco da colaboración coa Asociación Galega de Familias de Acollida ACOUGO, propúxolle á Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica a actualización do documento tras as importantes reformas lexislativas que sucederon nos últimos vinte anos. Este instrumento encaixa perfectamente na planificación de desenvolvemento de protocolos e manuais de procedemento dos servizos sociais.

Descargas

Download Guía para a protección xurídica á infancia e á adolescencia. Xunta de Galicia.
md_guia_xuridica_menores_libro.pdf
Documento Adobe Acrobat [0.9 MB]

Este sitio web usa cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Se continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, pinche no enlace para máis información.

ACEPTAR
Aviso de cookies
Ir al contenido